A XUNTA CONVOCA O 23 DE SETEMBRO OS TITULARES DOS TERREOS PARA EXECUTAR AS SENDAS EN FONTÁN E ENTRE MANDÍN E AS TORRES, EN SADA E OLEIROS, PARA O LEVANTAMENTO DE ACTAS PREVIAS

Sala de Prensa
  •   Os propietarios das fincas deberán acudir o citado día á Concellería de Urbanismo, no Concello de Sada, ás 10:30 horas
  •   Trátase da execución de dúas sendas nas estradas AC-163 e AC-182, ás que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destina un orzamento de 470.000 euros
  •   A actuación  na estrada que comunica Sada e Mera prevé a construción dun itinerario en Fontán pola marxe esquerda, salvo un pequeno tramo pola dereita, de 2 metros de ancho e máis de medio quilómetro de lonxitude
  •   A outra senda irá pola marxe dereita da estrada que vai de Espírito Santo a Oleiros, desde Soñeiro e ata As Torres, á entrada de Oleiros
  •   Estas intervencións enmárcanse no Plan de Sendas na comarca da Coruña, que recolle a construción de 9 itinerarios e un investimento duns 5 millóns de euros

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2019.-A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, convoca o día 23 de setembro os titulares dos terreos necesarios para executar o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na estrada AC-163 en Fontán e AC-182, no treito Mandín-As Torres, nos municipios de Sada e Oleiros, para o levantamento de actas previas.

Os propietarios das fincas deberán acudir o citado día á Concellería de Urbanismo, no Concello de Sada, ás 10:30 horas. Esta información pode consultarse no seguinte enlace ao DOG: http://xurl.es/npctm

A actuación, cun orzamento de máis de 470.000 euros, define a execución de dous itinerarios nas estradas AC-163 e AC-182, cunha sección tipo de 2 metros de acho e que suman entre as dúas case 1 quilómetro de novas sendas na comarca da Coruña.

Na estrada AC-163, que comunica Sada e Mera, proxectase un itinerario peonil en Fontán, dende o punto no que finaliza a actual beirarrúa desde núcleo e a intersección coa estrada provincial DP-7506, no puntos quilométrico 1+840.

Esta senda no municipio de Sada terá máis de medio quilómetro de lonxitude e executarase pola marxe esquerda da estrada, salvo un pequeno tramo pola dereita. A senda, de 2 metros de ancho, será de formigón coloreado. Ademais executaranse tamén obras complementarias, como a instalación de rede de drenaxe e a reposición de peches e accesos afectados.

O segundo treito executarase na marxe dereita da estrada AC-182, de Espírito Santo a Oleiros. A intervención iníciase en Soñeiro, no punto no que rematan as actuais beirarrúas no límite entre os concellos de Sada e Oleiros, e finaliza en As Torres, á entrada de Oleiros, comunicando dous tramos que percorren este último municipio.

Esta nova senda, que xa conta nalgúns subtramos con beirarrúas que se integran no tramo, fai preciso executar un itinerario de 340  metros de lonxitude. Neste caso a sección tipo contará tamén con 2 metros de ancho, e nos últimos 100 metros irá separada da calzada mediante unha cuneta transitables para resolver o desaugue das augas pluviais. A estrada xa conta con rede de pluviais, polo que unicamente será necesario colocar algún sumidoiro adicional.

A actuación nesta estrada AC-182 desenvólvese integramente na zona de dominio público viario.

Estas novas sendas forman parte do Plan de Sendas oe Galicia, na comarca da Coruña, que recolle 6 proxectos que suman case 7 quilómetros de novas sendas e un investimento superior aos 5 millóns de euros. A execución destas actuacións será cofinanciada con fondos  europeos do programa operativo FEDER 2014/2020.​

FOTO: www.laopinioncoruna.es